A Concellaría de Promoción Económica redobra a aposta polo comercio local coa campaña “Este Nadal en Carballo”

Neste momento estás a ver A Concellaría de Promoción Económica redobra a aposta polo comercio local coa campaña “Este Nadal en Carballo”

As compras dos vindeiros días poderán ser recompensadas cunha sesión de auto-cine e cunha viaxe

 

“Este Nadal en Carballo” queremos seguir contribuíndo á reactivación da economía local con iniciativas que poñan en valor o noso variado, moderno e profesional sector terciario. E como demostra o éxito da tarxeta “Sempre Carballo”, que xerou un movemento extraordinario no mes de novembro, temos o comercio, a hostalaría e os servizos necesarios para que “Este Nadal en Carballo” poidamos seguir gozando das nosas tradicións malia os peches perimetrais e as restricións.

Con eses obxectivos, dende a Concellaría de Promoción Económica lanzamos unha campaña de dinamización comercial que inclúe distintas accións enfocadas a potenciar o consumo local como unha das fórmulas que nos axudará a superar a crise derivada da COVID-19. Publicidade, elementos decorativos e ornamentais nas zonas máis comerciais e premios forman parte dunha estratexia de promoción da economía carballesa na que vimos traballando permanentemente, e pola que agora redobramos a nosa aposta.

A partir do sábado 12 de decembro non tires os recibos das túas compras, porque cada tíquet de calquera establecemento comercial do municipio de Carballo (agás alimentación e farmacia) por valor de 20 euros ou máis pode ter premio!

Por un importe superior a 20 euros de compra terás opción a reservar praza nunha sesión de auto-cine. Este é o sistema:

  • Presenta o teu tíquet en calquera dos tres puntos de validación: Museo de Bergantiños, Mercado Municipal e Biblioteca Rego da Balsa.
  • Con cada tíquet recibirás unboleto cun código.
  • Entra na páxina web do programa, que estará operativa a partir da semana que vén e, utilizando o código que figura no boleto, reserva para a película e a sesión que prefiras.
  • As reservas faranse por orde de solicitude e ata cubrir as prazas dispoñibles.
  • En cada sesión poderán participar 90 coches, que poden estar ocupados por un máximo de cinco persoas conviventes.
  • Ofreceremos un total de nove sesións entre os días 21, 22 e 23. Os títulos das películas, os horarios e o enderezo da páxina web para facer a reserva daranse a coñecer a semana que vén.

 

Pero aínda hai máis, porque co obxectivo de axudar tamén ás axencias de viaxes, que constitúen outro dos sectores máis castigados pola crise do coronavirus, tamén realizaremos un sorteo de tres viaxes, que as persoas gañadoras poderán desfrutar tan pronto como as condicións sanitarias o permitan (agardamos que sexa o antes posible). Para participar só tes que realizar unha compra por valor de 30 euros ou superior e introducir o boleto que se che facilitará en calquera dos puntos de validación, cos teus datos persoais, nas urnas que estarán situadas neses mesmos lugares.

“Este Nadal en Carballo” hai premio!

 

Aclaración: non é necesario adherirse ou inscribirse na campaña. Valerán os tíckets de todas as empresas de Carballo