Axober convídavos a participar nunha nova edición de Berocasión, a feira de vehículos de ocasión de Carballo, que este ano acada cifras históricas. O evento celebrarase do venres 29 ao domingo 31 de agosto, en horario continuo de mañá e tarde, reunindo a 18 concesionarios e arredor de 500 vehículos das mellores marcas e modelos do mercado.
Como vén sendo habitual, Berocasión ofrecerá moito máis ca unha exposición comercial. Nesta edición contaremos de novo coa presenza dunha pulpeira, que permitirá desfrutar da nosa gastronomía mentres se percorren os espazos expositivos. Ademais, o domingo pola mañá organizaremos unha acción artística aberta a todos os públicos, na que dous artistas locais: Mon Lendoiro e Isa Bermúdez, rotularán de xeito creativo dous vehículos en desuso, coa participación da cativada.
Os concesionarios participantes nesta ocasión son: Vilas Rama, Miguelauto, Dimolk, Antamotor, Bercauto, Breogán Motor, Rebalcars Automóviles, Talleres Juan Lema, JGCar Automóviles, Centauto Mobility, Corgal Automóviles, PS Automoción, Garvi Automóviles, Balsacar, Famautos, Pensado Motor, Fervicar Automoción e Hyupersa.
Durante toda a feira estará dispoñible un punto de información de Axober, no que poderedes resolver calquera dúbida ou obter máis detalles sobre a organización e os servizos dispoñibles.
Un ano máis, Berocasión consolídase como unha cita imprescindible no calendario de Carballo e en toda Galicia, ofrecendo as mellores oportunidades do mercado de ocasión nun ambiente próximo, familiar e dinámico.
Berocasión 2025 de récord histórico con casi 500 vehículos expostos

