AXOBER e o Concello de Ponteceso fortalecen lazos para impulsar o empresariado bergantiñán

  • Categoría da entrada:Novas
Neste momento estás a ver AXOBER e o Concello de Ponteceso fortalecen lazos para impulsar o empresariado bergantiñán

Onte mantivemos unha reunión co alcalde de Ponteceso co obxectivo de establecer sinerxias entre ambas as entidades para favorecer o desenvolvemento empresarial na comarca.
Durante o encontro, abordáronse diversas iniciativas destinadas a fomentar a actividade económica e a colaboración entre AXOBER e o Concello. Entre elas, destacou a organización dun evento relacionado co sector da automoción, que terá lugar o vindeiro 15 de marzo no IES de Ponteceso. Esta iniciativa busca dar visibilidade a un sector clave para a economía local e nacional, así como promover oportunidades laborais para as novas xeracións.
Tanto o alcalde de Ponteceso como o presidente de AXOBER puxeron de manifesto a preocupación existente pola dificultade de atopar relevo xeracional en sectores con estabilidade de emprego, como os talleres mecánicos e o transporte. Cómpre lembrar que os talleres representan o 5,6% do PIB en España, mentres que a construción supón o 6,9%. Pola súa parte, as empresas de transporte alcanzan o 4,4% do PIB. Desta maneira, os sectores implicados no evento do 15 de marzo representan conxuntamente o 10% do PIB do país, o que reflicte a súa importancia estratéxica tamén para a comarca de Bergantiños.
Outro dos temas centrais da reunión foi a necesidade de fixar poboación na comarca. Fomentar que o estudantado acuda a Ponteceso para formarse é un factor clave para o desenvolvemento económico e social da zona. Neste sentido, desde o Concello estanse a estudar novos plans educativos para ofrecer máis oportunidades formativas aos mozos e mozas.
Por último, coincidimos na importancia de trasladar ás familias e ao alumnado a viabilidade e estabilidade das saídas profesionais vinculadas a estes sectores, garantindo un futuro próspero para a comarca.
Desde AXOBER e o Concello de Ponteceso continuaremos traballando conxuntamente para impulsar o crecemento económico e a xeración de emprego en Bergantiños.