En Axober continuamos avanzando. Co obxectivo de reflectir a forza e o dinamismo do tecido empresarial da comarca de Bergantiños, renovamos a nosa imaxe corporativa. Este cambio supón un novo paso para a nosa asociación, mantendo intacta a nosa misión: apoiar e impulsar as empresas locais para contribuír ao seu crecemento e competitividade.
A nova marca preséntase como unha imaxe máis lexible, cercana e versátil, pensada para medrar e adaptarse aos novos desafíos empresariais. Entre as novidades destaca o deseño do noso novo isologo, no que se elimina o uso de maiúsculas e se introduce unha tipografía exclusiva que convive coa letra ‘x’. Esta letra non só é un símbolo gráfico, senón que representa o espazo de confluenza onde persoas, empresas, plantexamentos e opinións converxen para crear valor e avanzar conxuntamente.
Os novos elementos da identidade visual reforzan conceptualmente a marca. O símbolo das frechas, incorporado ao deseño, xera efectos dinámicos que subliñan a nosa esencia como punto de unión e nexo para o tecido empresarial de Bergantiños.
O deseño da nova imaxe corporativa foi creado polo deseñador carballés Óscar Vázquez, de Ouvea, quen tamén forma parte da familia de Axober como socio. A súa creatividade e coñecemento do tecido empresarial local foron clave para reflectir os valores e a visión de futuro da nosa asociación.
Unha marca deseñada para o futuro
Con esta transformación, Axober dá os primeiros pasos cara a unha marca máis potente, manexable e deseñada para adaptarse a calquera plantexamento estratéxico. Esta nova identidade responde á evolución da nosa asociación e ao noso compromiso de seguir sendo un referente na defensa e apoio ás empresas da comarca.
Desde Axober invitamos a todos os nosos socios e á comunidade a descubrir esta nova etapa, coa que reforzamos a nosa visión de futuro sen esquecer os valores que nos definen.




