Persoas beneficiarias e Requisitos
Persoas traballadoras autónomas que estean dadas de alta no réxime especial de autónomos ou en mutualidades de colexio profesional:
• Que teñan domicilio en Galicia,
• Que teñan unha antigüidade na realización efectiva dunha actividade profesional de maneira ininterrompida á data de solicitude de axuda de máis de 42 meses e
• Que teñan un rendemento neto reducido na declaración do IRPF anual inferior a 30.000 € e unha facturación mínima de 12.000 €, IVE incluído no ano 2021.
Sociedades de calquera clase e comunidades de bens con domicilio fiscal en Galicia e que cumpran os seguintes requisitos:
• Ter unha persoa autónoma societaria cunha antigüidade na realización efectiva dunha actividade empresarial ou profesional de maneira ininterrompida na data de solicitude da axuda por un prazo superior a 42 meses
• Ter a empresa unha facturación mínima anual de 12.000 €, IVE incluído no ano 2021.
• Que a empresa teña unha base impoñible no imposto de sociedades da declaración referida ao ano 2021 realizada inferior a 30.000 euros (segundo a casa 552 do imposto do sociedades). No caso de entidades que tributen en réxime de atribución de rendas, este importe de 30.000 euros referirase ao rendemento neto reducido dos rendementos de actividades económicas declaradas no IRPF da suma de todos os membros da sociedade ou comunidade de bens (modelo 184).
EXCLUSIÓNS:
As persoas que cobrasen esta axuda nalgunha das convocatorias anteriores.
Os autónomos familiares colaboradores.
Gastos subvencionables
• Aplicacións informáticas, páxinas web, apps e redes sociais: Importe satisfeito pola propiedade ou polo dereito ao uso de programas informáticos.
• Tamén inclúe os gastos de creación e desenvolvemento das páxinas web que a empresa adquira, sempre que a súa utilización estea prevista durante varios exercicios, a creación e desenvolvemento de apps, así como os gastos de creación e mantemento, e coa condición da previsión de utilización ao longo de varios exercicios, así como o apoio á creación e ao deseño de participación nas redes sociais.
• Compra de maquinaria: Conxunto de máquinas ou bens de equipo mediante as cales se realiza a extracción ou elaboración dos produtos.
• Compra e/o instalación para a mellora da eficiencia enerxética: Toda aquela compra de produtos e instalacións que reduzan o consumo enerxético, o que vai desde o cambio de sistemas de iluminación a cambios de maquinaria ou instalacións.
• Investimentos para a substitución de combustibles fósiles ou materiais críticos ou escasos: Entendendo por tal o cambio de máquinas e instalacións de enerxías fósiles a enerxías limpas.
• Compra de útiles e ferramentas: conxunto de utensilios ou ferramentas que se poden utilizar autónomamente ou conxuntamente coa maquinaria, incluídos os moldes.
• Reforma de local de negocio, a condición de que non sexa o seu domicilio habitual excepto no caso de que quede acreditado que sexa imprescindible para o desenvolvemento da actividade do negocio. Refírese a obras de sinxela técnica e escasa entidade construtiva e económica. Consisten normalmente en pequenas obras de mellora e reparación, decoración ou ornato, que non modifican a estrutura construtiva. Enténdese por local do negocio o centro de traballo declarado nos anexos, ou cuxa actividade sexa o comercio retallista fose de establecementos comerciais permanentes, e outras actividades vinculadas a feiras e verbenas
• Equipos informáticos: As tabletas ou similares, computadores persoais de sobremesa, computadores portátiles, equipos de rede, escáneres e similares.
• Rótulos: Carteis físicos identificativos dos negocios e da súa localización, ou cuxa actividade sexa o comercio retallista fose de establecementos comerciais permanentes, e outras actividades vinculadas a feiras e verbenas.
• Deseño de marca: Creación de símbolo formado por imaxes ou letras/caracteres que serve para identificar un negocio e todo o relacionado con el.
• Equipamento de oficina e/o mobiliario. Considerarase equipamento de oficina todo aquel elemento susceptible de ser usado nunha contorna de traballo, tales como impresoras, destrutoras de papel e outros similares, e por mobiliario, o conxunto de mobles que sirvan para a actividade normal da empresa, como mesas, cadeiras, andeis, mostradores e vitrinas.
EXCLUSIÓNS:
Os teléfonos móbiles e smartphones.
A adquisición de bens e servizos que poidan ser considerados como mercadoría pola que a empresa obteña beneficios segundo a súa actividade.
Contía da axuda
- 80% do investimento cun importe máximo de: 3.000 €
Considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada e se realicen nos prazos establecidos na orde.
Considerarase gasto realizado o que estea efectivamente pagado con anterioridade á data de presentación.
A liquidación do importe final da subvención calcularase en función das facturas e demais xustificantes que se presenten ao respecto, de acordo co establecido na orde e na resolución de concesión.
Os gastos acreditaranse a través de transferencia ou certificación bancaria ou extracto bancario de pagamento. Non se admitirán os pagamentos en efectivo.
Documentación Complementaria
Presentación obrigatoria por medios telemáticos a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.
As solicitudes deberanse presentar no modelo normalizado que figuran como anexo I desta orde e deberán ir acompañadas da documentación que se relaciona:
a) Cando se actúe mediante representación, poder suficiente da persoa representante para actuar en nome da persoa representada. Quedan exceptuadas da dita presentación as persoas ou entidades inscritas no Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia que garantan representación para este procedemento.
b) Facturas e o seu correspondente xustificante bancario de pagamento, onde se identifiquen de xeito claro as características e o custo do investimento.
c) Documentación xustificativa do volume de facturación e base impoñible: IVE, IRPF ou imposto de sociedades, segundo o caso. No caso das persoas traballadoras autónomas que tributen por módulos, será unha declaración responsable da facturación realizada no último exercicio económico (anexo I), co importe da facturación realizada no último exercicio económico.
d) Documentación xustificativa de que a persoa autónoma societaria identificada no anexo I o é da entidade que solicita a subvención, de ser o caso.
e) De ser o caso, certificado da mutualidade do colexio profesional, con indicación dos períodos de alta nela.
f) De conformidade co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe do gasto subvencionable supere a contía prevista para o contrato menor no artigo 118 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, a persoa interesada deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contracción do compromiso para a prestación, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.
A elección entre as ofertas presentadas, que se deberán achegar coa solicitude da subvención, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberase xustificar expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.
g) Relación de servizos ou investimentos realizados (anexo I).
h) No caso das persoas societarias, declaración responsable de que ningunha outra persoa societaria fixo unha solicitude desta axuda.
i) No caso de solicitudes realizadas por unha sociedade, anexo II debidamente cuberto e asinado.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consultas ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselles solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.
Forma e Prazo de Presentación
As solicitudes presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Desde o 25 de xaneiro de 2023 ás 09:00 horas ata o 29 de setembro de 2023.