Beneficiarios:
- Poderán ser persoas e empresas beneficiarias dos incentivos previstos nesta orde as persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas, as comunidades de bens e sociedades civís que contraten persoas mozas traballadoras por conta allea, para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia.
- Tamén poden ser beneficiarias os centros especiais de emprego e as empresas de inserción laboral, que contraten persoas mozas traballadoras por conta allea, para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, excepto para celebrar contratos con persoas con discapacidade e contratos con persoas en situación ou risco de exclusión social, respectivamente.
Non poderán ter a condición de entidades ou persoas beneficiarias:
- As administracións públicas, as sociedades públicas, as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas, así como as entidades sen ánimo de lucro.
- As persoas empregadoras ou empresas en que concorran algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
- Aquelas que estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido no artigo 46 e 46 bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.
Quedan excluídas destes beneficios:
a) As relacións laborais de carácter especial previstas no artigo 2.1 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores ou noutras disposicións legais, así como as contratacións de traballadoras para prestaren servizos noutras empresas mediante contratos de posta á disposición.
b) Os contratos realizados co cónxuxe, os ascendentes, os descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, da empresaria ou do empresario ou das persoas que teñan cargos de dirección ou sexan membros dos órganos de administración das empresas que revistan a forma xurídica de sociedade, así como as que se produzan con estes últimos. Non será aplicable esta exclusión cando a persoa empregadora sexa unha persoa traballadora autónoma que contrate como persoa traballadora por conta allea aos fillos e as fillas menores de 30 anos, tanto se conviven ou non con el ou cando se trate dunha persoa traballadora autónoma sen persoas asalariadas, e contrate un só familiar menor de 45 anos que non conviva no seu fogar nin estea ao seu cargo.
c) Os contratos realizados con persoas traballadoras que finalicen unha relación laboral de carácter indefinido na empresa solicitante ou noutra empresa do mesmo grupo, nun prazo de 3 meses previos á formalización do contrato polo que se solicita a subvención, excepto que a dita relación laboral finalizase por causa dun despido recoñecido ou declarado improcedente ou se extinga por algunha das causas sinaladas nos artigos 49.1.g), 51 e 52.c) do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores.
d) Os contratos efectuados con persoas que xa fosen contratadas ao abeiro das axudas establecidas na Orde do 1 de abril de 2022 (código de procedemento TR353C), excepto se posúen máis dunha titulación e sempre que o novo contrato permita a obtención de práctica profesional axeitada a un novo nivel de estudos ou de formación diferente ao tido en conta na pasada convocatoria.
Liñas de axuda:
Liña 1: programa de prácticas, mediante contratos para a obtención de práctica profesional, subscritos con persoas traballadoras menores de 30 anos que estean en posesión de título universitario (grao, máster ou doutoramento), ou título de grao medio ou superior, especialista, máster profesional ou certificado do sistema de formación profesional, consonte o establecido na Lei orgánica 3/2022, do 31 de marzo, de ordenación e integración da formación profesional; así como daquelas persoas que posúan un título equivalente de ensinanzas artísticas ou deportivas do sistema educativo, que habiliten ou capaciten para o exercicio da actividade laboral, segundo o establecido no artigo 11 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, para esta tipoloxía de contratos.
Liña 2: programa de formación en alternancia, mediante contratos de formación en alternancia que se realicen con persoas traballadoras menores de 30 anos, e que poderán celebrarse con persoas que carezan da cualificación profesional recoñecida polas titulacións ou certificados requiridos para concertar un contrato formativo para a obtención de práctica profesional regulada no punto 3.a). Sen prexuízo do anterior, poderanse realizar contratos vinculados a estudos de formación profesional con persoas que posúan outra titulación sempre que non tivesen outro contrato formativo previo nunha formación do mesmo nivel formativo e do mesmo sector produtivo, segundo o establecido no artigo 11 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, para esta tipoloxía de contratos.
Persoas destinatarias finais destes beneficios:
- Aquelas persoas mozas que cumpran os seguintes requisitos no momento da contratación para as dúas modalidades contractuais previstas:
a) Que teñan feito os 16 anos e non superen os 30 anos no momento da contratación.
b) Que estean desempregadas (desocupadas no día inmediatamente anterior á data de inicio do contrato) e que se atopen inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia no momento da súa contratación.
2. No caso de persoas que vaian ser contratadas na modalidade de obtención de práctica profesional deberán cumprir ademais os seguintes requisitos:
a) Estar en posesión dalgunha das seguintes titulacións: Título universitario (Grao universitario, Máster universitario, Doutoramento), Título de grao medio ou superior, Especialista, máster profesional ou certificado do sistema de formación profesional, Título equivalente de ensinanzas artísticas ou deportivas do sistema educativo, que habiliten ou capaciten para o exercicio da actividade laboral.
b) O contrato de traballo para a obtención de práctica profesional deberá concertarse dentro dos tres anos, ou dos cinco anos se se formaliza cunha persoa con discapacidade, seguintes á terminación dos correspondentes estudos. Non se poderá subscribir con quen xa obtivese experiencia profesional ou realizado actividade formativa na mesma actividade dentro da empresa por un tempo superior a tres meses, sen que se computen, para estes efectos, os períodos de formación ou prácticas que formen parte do currículo exixido para a obtención da titulación ou certificado que habilita esta contratación.
3. No caso de persoas que vaian ser contratadas na modalidade de formación en alternancia deberán cumprir ademais os seguintes requisitos:
a) Carecer da cualificación profesional recoñecida polas titulacións ou certificados requiridos para concertar un contrato formativo para a obtención da práctica profesional. Sen prexuízo do anterior, poderanse realizar contratos vinculados a estudos de formación profesional con persoas que posúan outra titulación sempre que non tivesen outro contrato formativo previo nunha formación do mesmo nivel formativo e do mesmo sector produtivo.
4. Os requisitos recollidos non puntos 1, 2 e 3 deste artigo serán tamén de aplicación para ás persoas traballadoras con contratos preexistentes, de maneira que non serán subvencionables aqueles contratos en que non queden acreditados os ditos requisitos.
Contía das axudas:
- A contía máxima da subvención que se concederá con carácter xeral será de:
a) Incentivo á contratación por 12 meses a xornada completa:
a.1. Incentivo á contratación para as persoas mozas contratadas nos grupos de cotización 1 e 2: 16.625 €.
a.2. Incentivo á contratación para as persoas mozas contratadas nos grupos de cotización 3 a 7: 13.300 €.
a.3. Incentivo á contratación para as persoas mozas contratadas nos grupos de cotización 8 a 11: 9.975 €.
b) Incentivo á formación: por cada persoa moza contratada, para a impartición dun programa formativo en competencias brandas, cunha duración mínima de 60 horas:
b.1. 2.000 € para formación presencial
b.2. 1.000 € para teleformación.
- As persoas mozas serán contratadas a tempo completo ben na modalidade de obtención de práctica profesional ben de contrato de formación en alternancia durante un período mínimo continuado de 12 meses en ambos os casos, salvo que se trate dunha substitución. A contía da subvención toma como referencia os custos de contratación totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social. O salario que percibirán as persoas mozas contratadas será aquel que corresponda legal ou convencionalmente e será acorde coa súa categoría profesional e titulación requirida para o posto subvencionado.
- A contía da axuda concedida aboarase ás persoas empregadoras ou empresas beneficiarias nun único pagamento, logo de presentada a documentación xustificativa establecida no artigo 25 desta orde.
- As subvencións previstas neste programa serán incompatibles con outras subvencións ou axudas públicas, con independencia do seu importe, para o mesmo obxecto e finalidade, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes. Non obstante, serán compatibles, se é o caso, coas bonificacións ou reducións de cotizacións á Seguridade Social.
- En ningún caso o importe das subvencións concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que supere o custo total da actividade que vaia desenvolver a persoa empregadora ou empresa beneficiaria.
- Queda excluída do incentivo para a formación aquela que supoña o cumprimento de obrigas legais empresariais en materia preventiva a que fai referencia o artigo 19 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.
Prazo de presentación:
O prazo estará aberto ata o 2 de outubro de 2023
Bases Reguladoras: