Work Party 2020

Work Party 2020

A Asociación de Xóvenes Empresarios de Bergantiños adapta a Axober Work Party á situación sanitaria propoñendo para este ano unha xuntanza online na que, precisamente, o tema de debate será “O estado da nosa economía despois da COVID”. E para falar da situación económica actual e das previsións a curto e medio prazo contaremos con dúas persoas de referencia a nivel nacional e internacional: José María Gay de Liébana y Saludas e Santiago Lago Peñas.

José Mª Gay de Liébana é profesor titular de Economía Financeira e Contabilidade na Facultade de Economía e Empresa da Universidade de Barcelona, académico numerario da Real Academia Europea de Doutores, doutor en Ciencias Económicas e doutor en Dereito. Comentarista habitual en programas de televisión e radio, actualmente participa en “La Sexta Noche”.

Santiago Lago Peñas é catedrático de Economía Aplicada, director do Foro Económico de Galicia e do Grupo de Investigación Gen da Universidade de Vigo, ademais de experto para o Banco Mundial, a Comisión Europea ou a OCDE, entre outros organismos internacionais. Tamén colabora habitualmente en medios de comunicación.

A Axober Work Party, que conta coa colaboración do Concello de Carballo, celebrarase o venres 6 de novembro a partir das 19.00 horas. Ademais dos poñentes contaremos coa participación do alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; do concelleiro de Promoción Económica e vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e do presidente de Axober, Isidro Varela. O xornalista Luis Fraga será o moderador do acto.

A emisión realizarase simultaneamente a través da páxina de Facebook e da canle de YouTube da asociación. O público poderá realizar os seus comentarios en directo ou ben envialos previamente a información@axober.org.