A ciberseguridade nas pemes centra unha nova xornada formativa organizada por AXOBER
Máis de medio cento de empresarios e profesionais da comarca asistiron á sesión celebrada no Fórum Carballo, con expertos de primeiro nivel.
En AXOBER celebramos este mercores unha xornada centrada na ciberseguridade nas pequenas e medianas empresas, un tema cada vez máis prioritario para o tecido empresarial da comarca.
O evento contou coa participación de tres expertos recoñecidos:
- Alberto González, xefe do Equipo de Prevención e Resposta en materia de Ciberdelincuencia da Garda Civil da Coruña.
- Martín González, responsable de comunicación da empresa tecnolóxica Cloud.gal.
- Víctor Salgado, avogado especializado en dereito dixital e protección de datos.
Durante a sesión abordáronse cuestións clave como:
- Como detectar e previr ciberataques nas empresas.
- Os riscos legais derivados da falta de protección.
- As ameazas máis frecuentes: phishing, ransomware, suplantación de identidade…
O enfoque práctico da xornada, a resolución de dúbidas en tempo real e a análise de casos reais foron especialmente valorados polo público asistente, composto maioritariamente por empresarios e autónomos da comarca.
“Queremos que a ciberseguridade sexa unha prioridade real nas nosas empresas. Este tipo de formacións son esenciais para crear unha cultura de prevención”, destacan desde a directiva de AXOBER.
A xornada rematou cun aperitivo informal, que serviu de espazo para facer networking e compartir experiencias.


