AXOBER organiza unha xornada sobre as verdades e os mitos das sociedades holding
A Asociación de Empresarios de Bergantiños – AXOBER – celebrará o vindeiro martes, 24 de novembro, unha nova sesión do seu ciclo «Café con AXOBER», nesta ocasión centrada nas sociedades holding e no seu papel como ferramentas de organización, planificación e crecemento empresarial.
Baixo o título «Sociedades Holding: verdades e mitos», a xornada desenvolverase entre as 10:30 e as 11:30 horas nas oficinas de AXOBER, situadas na rúa Barcelona, número 20, en Carballo.
A sesión permitirá coñecer as posibilidades que ofrecen as sociedades holding para organizar grupos de empresas familiares, así como para reorganizar actividades empresariais xa existentes e canalizar a creación de novos negocios. Abordaranse tamén as oportunidades que estas estruturas poden ofrecer para consolidar proxectos, favorecer o crecemento, diversificar actividades e mellorar aspectos como a financiación, a imaxe e o posicionamento empresarial.
Outro dos eixes centrais será a análise das vantaxes e inconvenientes das estruturas holding, co obxectivo de aclarar dúbidas e desmontar algúns dos mitos que existen arredor desta fórmula societaria. A xornada prestará especial atención ás implicacións fiscais, incluíndo cuestións como o réxime de consolidación fiscal, o aproveitamento de créditos fiscais a nivel consolidado, a reserva de capitalización, as bases impoñibles negativas, as deducións e os posibles beneficios en materia de Patrimonio e Sucesións.
Para abordar estes contidos, a sesión contará coa participación de Arturo Suárez, de Asesoría Cervantes, e Tania Álvarez, de Grant Thornton, que achegarán a súa experiencia e coñecementos nesta materia.
A actividade conta coa colaboración de Asesoría Cervantes, Grant Thornton, o Concello de Carballo e a Deputación da Coruña.
Inscricións abertas
As persoas interesadas en participar poden formalizar a súa inscrición de forma totalmente gratuíta a través da páxina web de AXOBER: https://axober.org/axenda/xornada-sociedades-holding/