Unhas 30 persoas participan en Cabana de Bergantiños nunha xornada sobre a IA organizada por AXOBER

Unhas 30 persoas, entre representantes de empresas e público interesado, participaron esta mañá nunha xornada sobre intelixencia artificial (IA) organizada por AXOBER, co obxectivo de achegar esta tecnoloxía ao tecido empresarial e dar a coñecer as posibilidades que ofrece para mellorar a xestión e os procesos de traballo. A sesión celebrouse no Centro de Interpretación e Medioambiental do Estuario de Anllóns, no lugar de Sinde de Cabana de Bergantiños.

Baixo o título “IA práctica para a túa rutina e aplicable ao teu negocio”, o encontro comezou cunha intervención de benvida por parte de AXOBER, na que se contextualizou o obxectivo da sesión e a importancia de coñecer as novas ferramentas tecnolóxicas e as oportunidades que poden ofrecer ás empresas.

A continuación, David Villar, de Acelera pyme ITG, foi o encargado de impartir a parte central da xornada. Durante a súa intervención, presentou algunhas das principais ferramentas de intelixencia artificial dispoñibles na actualidade, explicou as súas funcionalidades e achegou indicacións básicas para comezar a utilizalas no ámbito empresarial.

A sesión tivo un marcado carácter práctico, con exemplos de aplicacións que poden incorporarse ao día a día dos negocios. Entre outros casos, abordouse o uso da IA para elaborar facturas ou comparar orzamentos, amosando como estas ferramentas poden contribuír a simplificar tarefas habituais, aforrar tempo e optimizar diferentes procesos de traballo.

A xornada concluíu cunha intervención do alcalde de Cabana de Bergantiños, José Muíño, quen incidiu en que a intelixencia artificial é unha realidade que chegou para quedar e na importancia de coñecer as súas posibilidades e avanzar na incorporación progresiva destas ferramentas. Así mesmo, lembrou a necesidade de facelo con precaución, prestando especial atención á información e aos datos que se facilitan ás distintas plataformas.

Con iniciativas coma esta, AXOBER continúa apostando pola formación, a innovación e a transformación dixital como elementos clave para mellorar a competitividade das empresas da comarca e facilitar a súa adaptación aos novos retos tecnolóxicos.