Berocasión abre mañá a súa 21ª edición con máis de 500 vehículos de ocasión

O Parque Rego da Balsa de Carballo acolle dende mañá venres a 21ª edición de Berocasión, unha das citas de referencia en Galicia no ámbito do vehículo de ocasión. O evento, organizado por Axober coa colaboración do Concello de Carballo e a Deputación da Coruña, reunirá 16 expositores e máis de 500 vehículos, consolidándose como un escaparate clave para o sector.

A feira celebrarase durante os días 28, 29 e 30 de agosto en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, ofrecendo ao público unha ampla oferta de coches seminovos, de quilómetro cero e de ocasión, con opcións para todos os perfís e necesidades.


“De coche a obra de arte”


Ademais do seu compoñente comercial, Berocasión volverá apostar por unha programación paralela que reforza o seu carácter aberto e familiar. Neste sentido, o domingo 30 de agosto terá lugar unha actividade artística pensada para todos os públicos.


Dous coches en desuso serán transformados en directo polos artistas locais Isa Bermúdez e Mon Lendoiro entre as 11:00 e as 13:00 horas no propio recinto do Rego da Balsa. Cada un deles desenvolverá a súa propia proposta creativa, convertendo os vehículos en auténticas obras de arte.


A actividade contará tamén cun marcado carácter participativo, xa que a rapazada poderá achegarse, coñecer o proceso e formar parte desta transformación artística, nunha iniciativa que combina automoción, arte e creatividade.


Sorteos


Durante os tres días de Berocasión, o público que se achegue ata o recinto feiral poderá depositar nas urnas ubicadas no stand de Axober as papeletas debidamente cubertas para participar nos sorteos especiais desta edición. 


Por unha parte, sortearanse 100 euros de combustible ao mes durante un ano entre todas as persoas que merquen o seu vehículo na feira. Por outra, celebrarase tamén un sorteo de 100 euros para consumir na hostalería local, reforzando así o apoio ao comercio e á restauración da contorna.


Os sorteos dos dous premios realizaranse en directo o domingo, 30 de agosto, ás 20:00 horas.


Con esta nova edición, Berocasión reafirma a súa posición como evento de referencia no sector e como unha proposta dinámica que transcende a venda de vehículos para ofrecer experiencias dirixidas a todos os públicos.