A CEC e a Fundación Luckia impulsan novas oportunidades de formación, innovación e transformación tecnolóxica para as empresas
A Confederación de Empresarios da Coruña (CEC) e a Fundación Luckia veñen de asinar un convenio de colaboración para impulsar o emprendemento, a mellora da xestión empresarial, a innovación e a transformación tecnolóxica das empresas da provincia da Coruña. Así o deron a coñecer na reunión da Xunta de Directiva e Consello de Presidentes da CEC que tivo lugar o pasado 30 de setembro e na que participou o Presidente de AXOBER, Diego Iglesias.
Desde AXOBER, como entidade integrante da CEC, consideramos que esta iniciativa abre á nosas empresas asociadas novas posibilidades de acceso ao coñecemento, á formación e ao intercambio de experiencias en ámbitos fundamentais para mellorar a competitividade dos negocios.
Un foro para abordar os retos da empresa e a tecnoloxía
O acordo contempla a organización conxunta de actividades divulgativas e formativas, así como o patrocinio, por parte da Fundación Luckia, de dous foros sobre empresa e tecnoloxía en colaboración coa CEC.
Ademais, prevé o impulso do Foro CEC–Fundación Luckia, un espazo estable e periódico de encontro, reflexión e debate no que empresarios e directivos poderán compartir experiencias con investigadores, expertos, universidades, centros tecnolóxicos e representantes institucionais.
O obxectivo é analizar as principais tendencias que están a transformar a economía e a xestión empresarial, favorecer a transferencia de coñecemento e identificar oportunidades para avanzar en innovación e competitividade.
O primeiro dos encontros previstos estará centrado na intelixencia artificial (IA), unha tecnoloxía que está a abrir novas posibilidades para optimizar procesos, mellorar a toma de decisións e desenvolver novos modelos de negocio.
Formación e adaptación ás novas tecnoloxías
O convenio tamén pon en valor o papel da formación como ferramenta para o desenvolvemento empresarial e a xestión do talento. Neste ámbito, a Fundación Luckia conta co Campus Luckia, unha iniciativa orientada á capacitación de profesionais, equipos e organizacións mediante programas formativos, conferencias, talleres e sesións especializadas.
A colaboración entre ambas as entidades busca facilitar que o coñecemento e a experiencia empresarial se poñan ao servizo do tecido produtivo, contribuíndo a que as empresas poidan afrontar os seus procesos de crecemento, innovación, internacionalización e adaptación tecnolóxica.
Unha oportunidade para as empresas da comarca de Bergantiños
Dende AXOBER consideramos que esta pode ser unha iniciativa de especial interese para aquelas empresas que buscan mellorar os seus procesos de xestión, incorporar solucións tecnolóxicas ou coñecer novas ferramentas para afrontar os retos do mercado.
A participación nas actividades e nos foros que se desenvolvan ao abeiro deste acordo poderá representar unha oportunidade para actualizar coñecementos, establecer contactos profesionais e descubrir novas vías para impulsar a competitividade empresarial.
Desde AXOBER animamos as empresas asociadas a seguir a programación das actividades promovidas pola CEC e a Fundación Luckia e a valorar aquelas propostas que mellor se adapten ás súas necesidades.