AXOBER e Banco Sabadell asinan un convenio de colaboración para impulsar o tecido empresarial de Bergantiños
A Asociación de Empresarios de Bergantiños – AXOBER – e o Banco Sabadell formalizaron esta mañá un convenio de colaboración co obxectivo de reforzar o apoio ás empresas e profesionais da comarca, facilitando o acceso a solucións financeiras adaptadas ás súas necesidades.
Á sinatura do convenio asistiron: Diego Iglesias Martínez, presidente de AXOBER; Fernando Vieiro, director de Sabadell Professional; Belén Nebril Maceiras, directora regional de Galicia Norte; e Xacobe Vázquez Morandeira, director da oficina de Banco Sabadell de Carballo.
Coa sinatura deste convenio, AXOBER comprométese a difundir entre o seu colectivo – incluíndo empresas asociadas, persoas traballadoras e familiares de primeiro grao – as solucións financeiras que ofrece a entidade bancaria, mentres que Banco Sabadell poñerá á súa disposición o seu catálogo de servizos e asesoramento especializado. Ademais, o acordo contempla accións como a participación de profesionais do banco en xornadas ou eventos organizados pola asociación, así como o envío de información específica ao tecido empresarial.
Diego Iglesias, presidente de AXOBER, destaca que “este tipo de alianzas permiten achegar recursos útiles e oportunidades reais ás empresas da comarca, contribuíndo a mellorar a súa competitividade e a facilitar o seu crecemento”. Pola súa banda, Banco Sabadell reafirma con este acordo o seu compromiso co apoio ás pequenas e medianas empresas e co desenvolvemento económico do territorio.
O convenio, cunha duración inicial dun ano prorrogable automaticamente, establece tamén a creación dunha comisión de seguimento para garantir o correcto desenvolvemento das accións previstas e a adaptación do acordo ás necesidades do tecido empresarial.
Con esta nova sinatura, AXOBER continúa fortalecendo a súa rede de colaboracións, sumando xa tres convenios no que vai de ano, tras os acordos acadados con Banco Santander e coa Asociación Deportiva Un Paso Máis.
A entidade reafirma así a súa aposta pola cooperación con entidades de referencia como ferramenta clave para impulsar o desenvolvemento empresarial en Bergantiños.
