AXOBER participa na programación da Noite Europea das Persoas Investigadoras poñendo en valor o papel das empresas na divulgación cientifica

 A Asociación de Empresarios de Bergantiños (AXOBER) súmase á programación da Noite Europea das Persoas Investigadoras, unha iniciativa impulsada polo Concello de Carballo que, ao longo desta semana, converte o municipio nun espazo aberto á ciencia, á innovación e á divulgación.

Desde AXOBER colabórase especialmente nas charlas divulgativas “A noite das Persoas Investigadoras” que están dirixidas ao público xeral que terán lugar mañá venres ás 19.00 horas na cafetaría do Pazo da Cultura, nas que se abordarán cuestións de actualidade vinculadas á investigación, a tecnoloxía e o seu impacto na sociedade. A sesión contará coa participación de profesionais de distintos ámbitos, que achegarán unha visión accesible e próxima da ciencia e da innovación. Nestas charlas contaremos con:

  • Verónica Bolón Canedo: “IA verde: cara un futuro sostible”
  • Pablo Pita: “Conto peixes. Debería buscar un traballo serio?”
  • María Andrade Suárez: “Pode unha arborescencias cambiar unha cidade? Infraestrutura verde e o desafío de reconciliar natureza e vida urbana”
  • Maxia científica co mago Pablo Estévez.

A implicación de AXOBER continúa tamén na xornada do sábado, na que participa a empresa asociada Nordés Tech, que realizará unha xornada divulgativa centrada no uso de drons aéreos e acuáticos en tarefas de salvamento e seguridade. O obxectivo desta actividade é achegar as novas tecnoloxías á cidadanía e, especialmente, ao público infantil. Entre outros exemplos, explicarase como un dron aéreo pode localizar a unha persoa perdida durante a noite ou como pode contribuír ao rescate de alguén en perigo no mar, especialmente en condicións adversas preto da costa. Ademais, tamén se abordarán outras aplicacións prácticas que evidencian o valor desta tecnoloxía ao servizo da sociedade. A xornada incluirá tamén concursos dirixidos ao público asistente e, na medida do posible, demostracións tanto da operativa aérea como acuática, co fin de ofrecer unha experiencia completa e participativa. Baixo o lema “Tecnoloxía de KM0 que salva vidas”, a iniciativa desenvolveráse o sábado, día 26, a partir das 10:00 horas na Praza do Concello de Carballo.

Diego Iglesias, Presidente de AXOBER, destaca “a importancia de iniciativas como esta para achegar a ciencia á cidadanía e, ao mesmo tempo, dar visibilidade ao talento e ás empresas do territorio”.

A Noite Europea das Persoas Investigadoras consolídase así en Carballo como un evento de referencia na divulgación científica, cun programa que medra e se estende durante varios días, ofrecendo actividades abertas a públicos de todas as idades.