AXOBER participa na programación da Noite Europea das Persoas Investigadoras en Carballo
Carballo acollerá estes días unha nova edición da Noite Europea das Persoas Investigadoras, unha iniciativa que se estende ao longo de toda unha semana e que converterá o municipio carballés nun gran espazo de divulgación científica, con actividades repartidas entre centros educativos, espazos culturais e puntos neurálxicos da vida local.
A programación, impulsada polo Concello de Carballo no marco do proxecto de divulgación científica e innovación “Talento Quilómetro Cero” (TALK0), busca achegar a ciencia á cidadanía e fomentar as vocacións científicas entre a mocidade, combinando propostas educativas, culturais e participativas para todos os públicos.
Neste contexto, AXOBER colabora activamente na iniciativa, sumándose ao conxunto de entidades empresariais, educativas e investigadoras que fan posible o desenvolvemento deste programa.
O presidente de Axober, Diego Iglesias, participou esta mañá na presentación do evento no que tamén estiveron o alcalde, Daniel Pérez; o concelleiro de Innovación e Fondos Europeos, Iván Andrade; Verónica Bolón, en representación da Universidade da Coruña e da Academia Joven de España; e Mónica Mariño, do IES Alfredo Brañas.
Innovación tecnolóxica
En concreto, AXOBER participará de maneira destacada na actividade prevista para o venres, día 25, ás 19:00 horas que é unha charla divulgativa que leva por título “A noite das persoas investigadoras”. Esta é unha proposta centrada na divulgación da ciencia aplicada e da innovación tecnolóxica, reforzando así a conexión entre o tecido empresarial da comarca e o ámbito da investigación.
Será na Cafetaría do Pazo da Cultura
e este é programa:IA verde: cara un futuro sosible. Verónica Bolón Canedo
Conto peixes. Debería buscar un traballo serio?. Pablo Pita Orduna
Pode unha árbore cambiar unha cidade? Infraestrutura verde e o desafío de reconciliar natureza e vida urbana. María Andrade Suárez.
Maxia Científica. Mago Pablo Estévez.
A través desta colaboración, AXOBER pon en valor o papel das empresas de Bergantiños como axentes activos no impulso do coñecemento, a innovación e o desenvolvemento sostible do territorio, contribuíndo a achegar á sociedade experiencias reais de tecnoloxía e ciencia aplicada ao mundo profesional.
A Noite Europea das Persoas Investigadoras continúa así consolidándose en Carballo como unha iniciativa de referencia, que une administración, comunidade educativa, universidade e tecido empresarial arredor dun obxectivo común: facer da ciencia unha ferramenta accesible, próxima e transformadora para toda a cidadanía.