AXOBER reúne a 25 profesionais nunha xornada práctica para mellorar a produtividade empresarial

Uns 25 profesionais de diferentes sectores da comarca de Bergantiños participaron onte na xornada “Onde se nos escapa a Marxe? Como deixar de correr detrás dos problemas” que tivo lugar esta maña no Espazo Nature, de Razo. Esta sesión formativo estivo organizada por AXOBER – Asociación de Empresarios de Bergantiños –, coa colaboración do Concello de Carballo e a Deputación da Coruña.

A xornada foi impartida por Francisco Plaza Núñez, Director Técnico da consultoría Team&Time Enxeñería de Organizacion, entidade especializada na optimización de procesos empresariais. A sesión centrouse principalmente na identificación de ineficiencias nos procesos internos, pequenos cambios que afectan á xestión visual así como na mellora da organización co obxectivo de incrementar a produtividade e a rendabilidade das empresas. Combináronse partes teóricas con partes prácticas adaptadas á realidade das empresas participantes.


Desde Team&Time destacaron a importancia de parar para analizar o funcionamento interno das organizacións: “Moitas empresas viven instaladas na urxencia constante, apagando lumes no día a día. O primeiro paso para mellorar os resultados é identificar onde se perde tempo e recursos, e iso só se consegue cunha análise estruturada dos procesos”, sinalou Francisco Plaza.


Ademais, subliñaron que pequenas melloras poden ter un impacto significativo: “Non sempre fan falta grandes investimentos; en moitos casos, con cambios organizativos sinxelos pódense conseguir avances moi relevantes en produtividade e rendibilidade”.


A xornada completouse cun espazo de café e networking, no que as persoas asistentes puideron compartir impresións e establecer contactos profesionais, reforzando así a colaboración empresarial na comarca.


Con esta iniciativa, AXOBER reafirma o seu compromiso coa formación continua e o apoio ao tecido empresarial de Bergantiños, promovendo accións que contribúan á competitividade e ao crecemento das empresas asociadas.