AXOBER e a Agrupación Deportiva “Un Paso Máis” asinan un convenio de colaboración para a promoción de iniciativas sociais e inclusivas

A Asociación de Empresarios de Bergantiños – AXOBER – e a Agrupación Deportiva “Un Paso Máis” asinaron esta mañá un convenio de colaboración co obxectivo de desenvolver conxuntamente iniciativas de interese social e centradas na inclusión e na equidade.

Diego Iglesias, Presidente de AXOBER; e Banesa Martínez, Presidenta de “Un Paso Máis”, asinaron o convenio nun acto no que tamén estiveron presentes Lucía Graña, Vogal de AXOBER e Valentín Costa, Vogal da entidade deportiva.

O convenio establece un marco de cooperación entre as dúas entidades que permitirá sumar esforzos na difusión de actividades de interese xeral, así como na promoción de valores sociais a través do deporte e a participación comunitaria. 

Con este convenio, AXOBER manifesta a súa vontade de promover iniciativas que poidan xerar fondos para a Agrupación Deportiva “Un Paso Máis”, entidade sen ánimo de lucro que traballa no ámbito social cun enfoque integrador e inclusivo. Pola súa banda, a entidade deportiva comprométese a darlle visibilidade á participación de AXOBER nas súas actividades, recoñecéndoa como unha entidade colaboradora.