|

AXOBER analiza o marco actual da prevención de riscos laborais nunha xornada dirixida ao empresariado

A nova sede de AXOBER, situada no número 20 da rúa Barcelona de Carballo, acolleu esta mañá unha xornada informativa sobre o marco actual da prevención de riscos laborais (PRL), impartida por María Botana, asesora nesta materia da Confederación de Empresarios da Coruña (CEC). No encontro participaron preto de vinte empresarios e empresarias da comarca, que tiveron a oportunidade de coñecer a situación actual da prevención e reflexionar sobre os principais desafíos que afrontan as empresas.

Durante a sesión, fíxose un repaso da evolución da normativa en materia de prevención de riscos laborais, así como da súa aplicación no ámbito empresarial. Un dos aspectos abordados foi o modelo de xestión da prevención en España, onde a maioría das empresas externalizan este servizo. Segundo se puxo de manifesto durante a xornada, esta fórmula pode dificultar un seguimento máis próximo das necesidades específicas de cada organización, fronte a outros modelos europeos nos que a prevención está máis integrada na propia estrutura empresarial.

«Os datos demostran que a prevención non é un trámite, é unha necesidade vital diaria», destacou María Botana, que incidiu na importancia de consolidar unha cultura preventiva real nas empresas, máis alá do cumprimento formal das obrigas legais.

A asesora lembrou que, desde a aprobación da Lei de prevención de riscos laborais hai tres décadas, se produciu un importante descenso dos accidentes laborais. Advertiu de que as cifras actuais permanecen relativamente estancadas, polo que existe marxe para seguir avanzando e mellorar os resultados mediante unha maior implicación das empresas e das persoas traballadoras.

Outro dos temas tratados foi a influencia das distraccións durante a xornada laboral, especialmente as relacionadas co uso do teléfono móbil. Botana sinalou que este tipo de comportamentos poden comprometer a seguridade no posto de traballo e explicou que algunhas empresas están a adoptar medidas para limitar o uso dos dispositivos durante a actividade laboral.

Asesoramento gratuíto para as empresas asociadas

A xornada tamén serviu para lembrar que as empresas socias de AXOBER poden acceder ao servizo de asesoramento gratuíto en prevención de riscos laborais que ofrece a CEC. Este recurso permite resolver dúbidas e recibir orientación especializada nesta materia. 

AXOBER, como entidade integrada na Confederación de Empresarios da Coruña, continúa así promovendo iniciativas que achegan información práctica ao tecido empresarial de Bergantiños e contribúen a mellorar a xestión das empresas asociadas, favorecendo contornas de traballo máis seguras e saudables.

Esta foi unha xornada organizada por AXOBER e a CEC, coa colaboración do Polígono de Carballo e o Concello de Carballo.