AXOBER colabora cunha nova xornada de A Laracha Conecta centrada no sector agrogandeiro

O Centro Sociocultural de Paiosaco acolle o vindeiro venres, 13 de novembro, unha nova actividade enmarcada no proxecto A Laracha Conecta; unha iniciativa impulsada polo Concello da Laracha e a Deputación da Coruña coa colaboración de AXOBER que ten como obxectivo fomentar a conexión entre os distintos axentes do territorio e dinamizar o tecido económico local.

Nesta ocasión, a xornada estará dedicada ao sector agrogandeiro, cun programa que combinará o intercambio de experiencias e a posta en valor de iniciativas empresariais vinculadas ao ámbito rural.

A programación comeza ás 10:30 horas coa benvida e o acto inaugural, a cargo do alcalde da Laracha, José Manuel López Varela. A continuación, ás 10:40 horas, terá lugar un bloque dedicado ao apoio ao sector, no que participarán José Balseiros Guinarte, Director Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Xunta de Galicia; Cristica Capelán Cancelo, Deputada de Mar e Medio Rural da Deputación da Coruña; e Marcos Pérez Gulin, Director da Fundación Galicia Sustantable.

Tras unha pausa para o café, ás 12:00 horas chegará a quenda das experiencias e da análise do agro, coa participación de tres iniciativas empresariais: Horta Bertoa, Años Pardiñas e A Brea 36 SL. Os seus representantes compartirán as súas experiencias e ofrecerán unha visión práctica da realidade e das oportunidades do sector.

A xornada estará conducida por Patricia Blanco, xornalista de La Voz de Galicia, e rematará ás 13:30 horas cun aperitivo. A participación é de balde.

Dende AXOBER animamos a todas as persoas asociadas a participar neste encontro, que representa unha oportunidade para coñecer de primeira man iniciativas do sector gandeiro, compartir experiencias e xerar novas conexións entre empresas, profesionais e institucións.