AXOBER e a CEC organizan unha xornada sobre a prevención de riscos laborais

AXOBER – Asociación de Empresarios de Bergantiños – continúa a impulsar iniciativas destinadas a apoiar o tecido empresarial da comarca cunha nova xornada gratuíta sobre prevención de riscos laborais, organizada en colaboración coa Confederación de Empresarios da Coruña (CEC). O encontro terá lugar o vindeiro venres 23 de outubro, de 9.30 a 11.30 horas, e servirá tamén para dar a coñecer a nova sede da asociación (situada no número 20 da rúa Barcelona, en Carballo). 

A iniciativa coincide coa Semana Europea para a Seguridade e a Saúde no Traballo e pretende contribuír a reforzar a cultura preventiva entre as empresas da comarca, destacando a importancia de integrar a seguridade, a saúde e o benestar das persoas traballadoras na xestión diaria de calquera actividade empresarial. A xornada está dirixida a empresas, persoas autónomas e profesionais interesados en coñecer as principais novidades e os desafíos actuais nesta materia. 


A sesión comezará ás 9.30 horas coa benvida de AXOBER. A continuación, ás 9.40 horas, María Botana, asesora en prevención de riscos laborais da CEC, ofrecerá unha intervención centrada no marco actual da prevención, os seus retos, as novidades normativas e as principais liñas de traballo. A partir das 11.00 horas, as persoas asistentes poderán participar nun café-coloquio, un espazo pensado para favorecer o intercambio de experiencias, resolver dúbidas e compartir reflexións sobre a aplicación das medidas preventivas no ámbito empresarial. 


A participación na xornada require inscrición previa. As persoas interesadas poden consultar os detalles e formalizar a súa inscrición nesta ligazón ou no enderezo electrónico info@axober.org


Esta xornada conta tamén coa colaboración do Polígono de Carballo, a CEG – Confederación de Empresarios de Galicia – e o Concello de Carballo. E grazas ao financiamento da Xunta de Galicia. 


Nova sede


A celebración desta xornada enmárcase tamén nunha nova etapa para AXOBER, que conta cunha nova sede en Carballo, na rúa Barcelona (número 20, entrechán dereita). Este espazo será o punto de referencia para o desenvolvemento da actividade da asociación e para a organización de encontros, accións formativas e iniciativas orientadas a dar resposta ás necesidades das empresas asociadas e do conxunto do tecido empresarial de Bergantiños.