AXOBER felicita ao polígono empresarial de Carballo pola obtención da Marca Q de Calidade
AXOBER (Asociación de Empresarios de Bergantiños) quere trasladar os seus parabéns ao polígono empresarial de Carballo pola obtención da Marca Q de Polígono Empresarial de Calidade, un distintivo outorgado pola Coordinadora Española de Polígonos Empresariales (CEPE) tras superar unha auditoría realizada por AENOR.
O recoñecemento foi entregado o pasado martes nun acto no que participou o presidente de AXOBER, Diego Iglesias Martínez, que quixo acompañar ao parque empresarial nunha ocasión tan significativa.
Esta distinción supón un importante aval ao traballo desenvolvido na mellora continua das infraestruturas, dos servizos e da xestión do polígono, así como ao compromiso coa creación de contornas empresariais máis competitivas, eficientes e preparadas para responder ás necesidades das empresas.
Desde AXOBER queremos poñer tamén en valor a boa relación, a colaboración e o entendemento que existen entre ambas as entidades, froito dunha vontade compartida de traballar polo desenvolvemento económico de Carballo e da comarca de Bergantiños. A cooperación entre o tecido asociativo e os espazos empresariais resulta fundamental para defender os intereses das empresas, impulsar iniciativas conxuntas e contribuír ao fortalecemento do noso territorio.
Por iso, celebramos este novo paso adiante e desexamos que este distintivo sirva de impulso para seguir avanzando na mellora e dinamización do polígono empresarial de Carballo.