Uns 20 empresarios e empresarias de Bergantiños participan no Café con AXOBER sobre as sociedades holding
Uns 20 empresarios e empresarias da comarca de Bergantiños participaron esta mañá no Café con AXOBER “Sociedades holding: verdades e mitos”, unha xornada organizada por AXOBER coa colaboración da Asesoría Cervantes e impartida por Tania Álvarez, socia fiscal de Grant Thornton en Vigo. O encontro tivo lugar na nova sede da asociación, situada na rúa Barcelona de Carballo.
A sesión centrouse nas sociedades holding como ferramentas para organizar, coordinar e desenvolver grupos empresariais, especialmente no ámbito das empresas familiares, analizando tanto as súas posibilidades como as condicións legais e fiscais necesarias para a súa aplicación.
«Unha sociedade holding é a cabeceira dun grupo de sociedades. Non é unha moda, senón que leva vixente de 1995», explicou Tania Álvarez ao comezo da xornada. A relatora sinalou que, malia que o termo poida parecer algo recente, este tipo de estruturas teñen unha longa traxectoria e poden ofrecer diferentes vantaxes, especialmente fiscais, cando varias empresas comparten unha mesma sociedade matriz.
Durante a exposición, Álvarez explicou que unha holding permite centralizar a propiedade de distintas sociedades e coordinar as súas liñas de actividade, que poden pertencer a sectores tan diversos como o industrial, o comercial, o inmobiliario ou o da innovación. Ademais de concentrar as participacións, a sociedade matriz pode asumir funcións efectivas de dirección, administración, planificación estratéxica, financiamento e apoio ao resto das empresas do grupo.
Outro dos aspectos abordados foi a súa utilidade para mellorar o goberno das empresas familiares, separando os ámbitos da familia, a propiedade e a xestión. Neste sentido, analizáronse ferramentas como os protocolos familiares, os pactos entre socios, as políticas de dividendos e os consellos de administración, fundamentais para organizar a toma de decisións, planificar a sucesión e facilitar a continuidade dos negocios.
A relatora tamén detallou os pasos necesarios para constituír unha holding a partir de empresas xa existentes, desde o diagnóstico inicial da situación societaria, fiscal e patrimonial ata o deseño da estrutura, a súa execución e o seguimento posterior. Neste proceso, incidiu especialmente na necesidade de que a operación responda a motivos económicos válidos e reais, como a profesionalización da xestión, o reinvestimento dos beneficios, a separación de riscos empresariais, a incorporación de novos investidores ou a planificación do relevo xeracional.
Neste punto, advertiu de que a creación dunha holding non debe responder unicamente á procura dunha vantaxe fiscal. A normativa establece que as operacións de reestruturación empresarial deben contar cunha xustificación económica, polo que resulta fundamental planificar e documentar previamente os motivos que as sustentan.
A xornada serviu tamén para desmontar algúns dos mitos máis habituais arredor destas estruturas. Entre eles, a idea de que unha holding non paga impostos ou de que os dividendos poden transferirse entre sociedades sen condicións. Álvarez explicou que estas entidades tributan no Imposto sobre Sociedades e que a aplicación de determinadas exencións fiscais está suxeita ao cumprimento dos requisitos establecidos na normativa.
Así mesmo, abordáronse as implicacións no Imposto sobre o Patrimonio e no Imposto sobre Sucesións e Doazóns, con especial atención ás reducións fiscais previstas pola normativa galega para a transmisión de empresas familiares e participacións societarias, sempre que se cumpran as condicións esixidas.
Xunto ás vantaxes, a sesión tamén puxo sobre a mesa os custos e riscos asociados a estas estruturas, como o incremento das obrigas administrativas e contables, a xestión das operacións vinculadas ou a necesidade de contar con medios e actividade real que xustifiquen o funcionamento da sociedade holding.
«A holding é unha ferramenta de organización, non un produto fiscal», resumiu a relatora, que incidiu na importancia de analizar cada caso antes de dar o paso e de planificar a estrutura en función da realidade e das necesidades de cada grupo empresarial.
Con este novo Café con AXOBER, a asociación continúa promovendo espazos de encontro e formación para achegar aos seus asociados información práctica sobre cuestións de interese para a xestión e o desenvolvemento das súas empresas.