AXOBER, presente nos principais encontros empresariais e institucionais da comarca
O presidente de AXOBER, Diego Iglesias, acompañado por outros membros da Xunta Directiva, participou durante a pasada semana en diferentes encontros e actos celebrados na Costa da Morte, reafirmando o compromiso da asociación co tecido empresarial, o desenvolvemento económico e a colaboración institucional.
A axenda comezou o martes 17 de novembro coa asistencia ao VI Encontro de Turismo da Costa da Morte, organizado pola CMAT (Asociación de Turismo da Costa da Morte) no Parador Costa da Morte, en Muxía. Unha cita para compartir experiencias e abordar os retos e oportunidades do sector turístico na comarca.
O mércores, representantes de AXOBER participaron en dous encontros de interese para o desenvolvemento empresarial do territorio. Por unha banda, asistiron á visita da conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, a Coristanco, onde se abordaron os prazos previstos para o polígono industrial, nunha xuntanza na que tamén estiveron presentes empresarios galegos e representantes institucionais.
Tamén o mércores, AXOBER participou na xornada A Laracha Conecta – A Industria, celebrada na Casa da Cultura da Laracha. A asociación colaborou co Concello na organización técnica deste encontro, no que o seu presidente, Diego Iglesias, interveu xunto a representantes da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña, destacando a importancia de conectar a formación coas necesidades reais das empresas. Ler a noticia completa
A actividade continuou o venres coa presenza de Diego Iglesias e Kely Villar, administrativa de AXOBER, na cea organizada polo Centro Comercial Aberto (CCA) de Carballo, un encontro de convivencia e relación entre os distintos axentes do comercio local. (Foto Ana García – La Voz de Galicia)

Finalmente, o sábado, representantes de AXOBER acompañaron a ASPABER na celebración do seu 50 aniversario, unha ocasión especial para recoñecer a traxectoria e o labor desta entidade na comarca.
Con esta participación nos diferentes eventos, AXOBER continúa fortalecendo a súa rede de relacións e colaboración con empresas, asociacións e institucións, mantendo unha presenza activa nos espazos de encontro e diálogo que contribúen ao desenvolvemento económico e social da Costa da Morte.
