AXOBER colabora na xornada de A Laracha Conecta dedicada á industria e aos oficios
A asociación participou na organización técnica do encontro e no bloque institucional, poñendo en valor a colaboración entre empresas, centros educativos e administracións.
AXOBER, Asociación de Empresarios de Bergantiños, colaborou co Concello da Laracha na organización técnica e desenvolvemento dunha nova xornada do proxecto A Laracha Conecta, celebrada o pasado mércores 18 de novembro na Casa da Cultura da Laracha e dedicada nesta ocasión á industria e aos oficios.
Esta iniciativa, impulsada polo Concello da Laracha e a Deputación da Coruña coa colaboración de AXOBER, busca favorecer a conexión entre os diferentes axentes do territorio, achegar a realidade empresarial á sociedade e impulsar novas oportunidades de colaboración.
O encontro comezou coa intervención do alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, seguida dun bloque institucional no que participaron Marta Vázquez Guzmán, directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social da Xunta de Galicia; Rosanna López Salgueiro, directora xerente da Fundación Pública Galega da Formación para o Traballo; Rosa Ana García López, deputada provincial de Industria e Emprego; e Diego Iglesias, presidente de AXOBER.

Durante a súa intervención, o presidente de AXOBER destacou a importancia de conectar a formación coas necesidades reais das empresas, poñendo en valor os oficios e a Formación Profesional como vías de acceso a oportunidades laborais na comarca.
Así mesmo, incidiu na necesidade de contar co tecido empresarial no deseño das iniciativas de formación e emprego, favorecendo a colaboración entre administracións públicas, centros educativos e empresas.
A xornada contou tamén cun espazo dedicado ás experiencias profesionais e empresariais, coa participación de Peluquería J. Vázquez, Esther Rey Eventos, Cerámica Campo, UNIFERSA e Coleo. Os seus representantes compartiron experiencias e achegaron a súa visión sobre a realidade dos diferentes sectores.
Desde AXOBER valórase positivamente o desenvolvemento deste tipo de encontros, que permiten visibilizar a actividade económica do territorio e reforzar as relacións entre empresas e institucións.
A asociación agradece ao Concello da Laracha a confianza depositada en AXOBER para colaborar na organización desta iniciativa e reafirma o seu compromiso de seguir impulsando actividades que contribúan ao desenvolvemento empresarial e á creación de oportunidades na Laracha e no conxunto de Bergantiños.