AXOBER súmase á campaña #DEFRONTE con motivo do 25N

Un an ano máis, AXOBER – Asociación de Empresarios de Bergantiños – participa nas accións de sensibilización promovidas pola Deputación da Coruña con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, sumándose á campaña de sensibilización DE FRONTE.

Durante estes días, estase a desenvolver unha iniciativa propia nas redes sociais coa participación dos membros da Xunta Directiva de AXOBER. A través de diferentes stories, cada participante amosa a súa man cunha palabra que expresa o seu rexeitamento á violencia e o seu compromiso cunha sociedade máis igualitaria e libre de discriminacións.

A acción culminará o propio 25 de novembro cunha publicación conxunta na que se reunirán todas as palabras, acompañadas dunha mensaxe colectiva de rexeitamento a todas as formas de violencia.

A campaña DE FRONTE, impulsada pola Sección de Igualdade e Dereitos Civís da Deputación da Coruña, centra nesta edición a súa atención no sistema prostitucional e nas desigualdades sociais, económicas e culturais que o sosteñen. A iniciativa busca promover unha reflexión crítica sobre a explotación das mulleres, a responsabilidade dos homes que pagan por sexo e os mecanismos que perpetúan as relacións de desigualdade e dominación.

Con esta participación, AXOBER quere contribuír á visibilización das distintas formas de violencia contra as mulleres e trasladar unha mensaxe colectiva de rexeitamento, concienciación e compromiso coa igualdade.