AXOBER reune unha 120 persoas na súa cea anual e reivindica o papel do asociacionismo empresarial no desenvolvemento económico de Bergantiños
Unhas 120 persoas participaron onte na Cea Anual de AXOBER – Asociación de Empresarios de Bergantiños -, que tivo lugar no Restaurante Punta del Este – Alda Hotels de Carballo. O encontro reuniu representantes do tecido empresarial da comarca e responsables das principais institucións, nunha noite que serviu para fortalecer as relacións entre empresas, compartir experiencias e poñer en valor a importancia da colaboración para impulsar o desenvolvemento económico de Bergantiños.
O presidente de AXOBER, Diego Iglesias, foi o encargado de dar a benvida ás persoas asistentes e agradecerlles o seu compromiso coa asociación. Durante a súa intervención, fixo balance do traballo desenvolvido ao longo do ano, destacando a defensa dos intereses das empresas asociadas, as accións formativas e a organización de iniciativas de referencia como Berocasión ou Noroeste 0 Emisións.
«Durante todo o ano traballamos arreo na defensa dos intereses das nosas empresas, na formación e na organización de feiras e xornadas que contribúen a dinamizar o noso tecido empresarial», sinalou Iglesias. O presidente tamén quixo agradecer o apoio das persoas asociadas, dos concellos da comarca, da Xunta de Galicia, da Deputación da Coruña, das entidades e asociacións do territorio e de todo o equipo de AXOBER.
Pola súa banda, Iván Andrade, concelleiro de Innvoación do Concello de Carballo, destacou a especial vinculación de AXOBER co proxecto europeo TALK 0, do que a asociación é colaboradora, e agradeceu a súa disposición para apoiar iniciativas que promoven a innovación empresarial. Neste sentido, incidiu na importancia de que as empresas da comarca dean visibilidade ao traballo innovador que están a desenvolver.
Tamén interveu Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña e concelleiro de Promoción Económica do Concello de Carballo, que felicitou o equipo de AXOBER polo seu compromiso e polo traballo realizado desde que asumiu a dirección da entidade. Regueira puxo en valor a capacidade das empresas para establecer alianzas e xerar sinerxías, así como a evolución experimentada pola asociación nos últimos tempos, que conseguiu incrementar a súa base social ata superar as 200 empresas asociadas.
A delegada territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Belén do Campo, destacou o papel de AXOBER como motor de dinamización económica e empresarial de Bergantiños. Puxo en valor os máis de 30 anos de traxectoria da entidade, a súa contribución ao emprendemento e á formación, así como a súa capacidade para crear redes de colaboración e impulsar oportunidades no territorio. Tamén reafirmou o compromiso da Xunta co desenvolvemento económico de Carballo e da comarca.
Pechou a quenda de intervencións o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, quen salientou a relevancia da provincia dentro da economía galega e o papel fundamental que desempeñan as pequenas e medianas empresas na dinamización económica e na creación de emprego.
Formoso referiuse tamén aos principais retos aos que se enfrontan as empresas, entre eles a carga burocrática e a presión fiscal. Neste contexto, apuntou á importancia das perspectivas económicas para 2027 e destacou o valor de encontros como este, que permiten coñecer de primeira man as necesidades do tecido produtivo. «Este é un encontro para vernos, falar e escoitar as necesidades do tecido económico de Bergantiños», sinalou.
Con este tipo de eventos, AXOBER reafirma o seu compromiso de seguir traballando en favor das empresas de Bergantiños, promovendo espazos de encontro, colaboración e creación de novas oportunidades para o conxunto do tecido empresarial.