Berocasión pecha a súa 21ª edición con case 90 vehículos vendidos

Berocasión pechou onte a súa 21ª edición pasadas as 20:00 horas cun balance moi positivo e cunha das edicións máis concorridas dos últimos anos.

Centos de visitantes chegados de distintos puntos de Galicia achegáronse durante os res días ao recinto do Rego da Balsa, onde 16 expositores de Carballo presentaron unha ampla oferta de máis de 500 vehículos de ocasión, con propostas para todos os gustos e necesidades: SUV, industriais, eléctricos, híbridos e vehículos de baixos quilómetros.

Ao peche da feira rexistráronse 85 vendas confirmadas, aínda que varios peches quedaron pendentes de formalización, polo que a organización estima que a cifra final poderá superar os 90 vehículos vendidos.

Os compradores procedían maioritariamente de Carballo, aínda que tamén se rexistraron vendas a clientes doutras localidades da comarca como Malpica, Ponteceso ou Cabana de Bergantiños, así como de diferentes puntos de toda a comunidade galega, entre eles Arteixo, Abegondo, Oleiros, Santiago de Compostela, Frades, Foz ou Burela. O importe medio das operacións situouse entre os 15.000 e os 20.000 euros, sendo o sábado a xornada de maior actividade comercial.

Para o presidente da AXOBER, Diego Iglesias, estes resultados evidencian a fortaleza do sector da automoción na comarca: “A resposta do público demostra a confianza no sector e o papel dinamizador de Berocasión, que non só impulsa as vendas, senón tamén o consumo na hostalería e no comercio local”, sinalou.

Premios

Ao peche da feira realizáronse os dous sorteos, que foron a principal novidade desta edición.

O primeiro, un vale de 100 € para consumo na hostalería local adherida á campaña, foi para Sheila Castiñeira Reborido, de Carballo.

O segundo sorteo, que se realizou entre as persoas que mercaron vehículo durante a feura, premiou a Mirna Gómez Aranda, veciña de Foz (Lugo), que resultou gañadora dun ano de combustible gratuíto, canxeable na estación de servizo Shell As Labradas, en Carballo. A premiada adquiriu o seu vehículo no concesionario Corgal.

Berocasión é un dos eventos que organiza AXOBER – Asociación de Empresarios de Bergantiños -, coa colaboración do Concello de Carballo e a Deputación da Coruña.