AXOBER

Inicio / Novas / “Construíndo o futuro” achega o alumnado do IES Monte Neme á realidade empresarial e institucional de Carballo

“Construíndo o futuro” achega o alumnado do IES Monte Neme á realidade empresarial e institucional de Carballo

Un grupo de 25 alumnos e alumnas do ciclo de FP de Electricidade e Telecomunicacións do IES Monte Neme participaron esta mañá na xornada “Construíndo o futuro: empresas e formación”, organizada por AXOBER que nesta ocasión contou coa colaboración do Concello de Carballo e de dúas das empresas asociadas, Electricidade Rafael e Garaysa.

A xornada comezou na Casa do Concello de Carballo e nas diferentes dependencias municipais onde o alumnado puido coñecer de primeira man o funcionamento de servizos clave para a veciñanza, como a Policía Nacional e Local, o padrón municipal, o mercado e o servizo de recadación. A visita permitiu achegar ao estudantado ao día a día da administración local e comprender o seu papel no funcionamento do municipio. Daniel Pérez, Alcalde de Carballo; e persoal do Goberno Municipal e dos diferentes departamentos encargáronse de darlle a benvida e de guiar o percorrido polas distintas dependencias.

Posteriormente, o grupo trasladouse ao Polígono de Carballo para visitar dúas empresas de referencia no sector eléctrico e de telecomunicacións, ambas integrantes de AXOBER. A primeira parada foi en Electricidade Rafael, unha empresa fundada no ano 1989 e en continuo crecemento especializada en instalacións eléctricas e de telecomunicacións en vivendas, locais comerciais, edificios públicos,… Durante a visita, Rafael García mostrou as instalacións e explicou os principais ámbitos de traballo da empresa, ofrecendo ao alumnado un contacto directo coa realidade empresarial.

A xornada rematou en Garaysa, empresa líder no sector e con presenza internacional. Da man de Pablo Echegaray, Xerente de Garaysa, os estudantes puideron coñecer as súas instalacións, os procesos produtivos e os perfís profesionais máis demandados, ampliando así a súa visión sobre as oportunidades laborais no sector.

Todas as visitas se desenvolveron nun ambiente participativo no que o alumnado puido resolver dúbidas, intercambiar impresións cos profesionais e coñecer de primeira man as demandas actuais do mercado laboral. “Foi unha xornada moi enriquecedora, que permite ao alumnado achegarse á realidade empresarial do seu sector e orientar mellor o seu futuro profesional”, sinala Diego Iglesias, presidente de AXOBER.

“Construíndo o futuro: empresas e formación” é unha iniciativa impulsada por AXOBER e que se puxo en marcha o ano pasado co obxectivo de achegar a realidade empresarial ao ámbito educativo. A través deste tipo de actividades, AXOBER reafirma tamén o seu compromiso co tecido empresarial da comarca de Bergantiños e coa promoción do talento novo.