Profesionais, empresas e alumnado abordan en Coristanco o presente e o futuro da loxística
Esta mañá celebrouse no Edificio de Servizos Múltiples de Coristanco a II Xornada Loxística: Actualización, Innovación e Talento. Este foi un encontro coorganizado pola Asociación de Empresarios de Bergantiños – AXOBER -, o Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa e o Polígono de Carballo e que reuniu a profesionais, empresas e alumnado para abordar os principais retos e oportunidades do sector.
O director da EFA Fonteboa, Oriol Cervera; e o presidente de AXOBER, Diego Iglesias, encargáronse de inaugurar a xornada destacando a importancia de reforzar a colaboración entre o ámbito educativo e o empresarial para impulsar a competitividade e o desenvolvemento económico da comarca. O Alcalde de Coristanco, Juan Carlos García, tamén lles dou a benvida aos participantes.

O programa abordou cuestións clave para o presente e o futuro da loxística. Carlos Raso, director de loxística en Conservas Calvo, analizou a evolución do sector e os desafíos aos que se enfronta. Pola súa banda, María Eugenia Pérez, directora xeral de FP da Consellería de Educación, puxo en valor o papel da Formación Profesional como motor de talento cualificado.
A innovación e a dixitalización tiveron tamén un papel protagonista durante a xornada con intervencións nas que se trataron temas como os novos sistemas de almacenaxe e automatización, así como nas solucións ERP e na transformación dixital das empresas. Visual Retail Business, Fluenzia Industrial Tech, Ar Racking e Inforges foron as empresas que trataron estas temáticas.
Na mesa sobre o impacto das axudas no sector participaron representantes do Clúster da Función Loxística de Galicia, do IGAPE e de Fegatramer, que analizaron o papel das políticas públicas no impulso da competitividade empresarial.
A xornada completouse coa intervención de antigos alumnos de Fonteboa, que compartiron as súas experiencias profesionais, ofrecendo unha visión práctica da inserción laboral no sector. Entre eles estivo Rubén Caamaño, responsable de Transcave Galicia que é unha empresa adicada ao transporte de mercadorías por estrada, con sede en Carballo e que forma parte de AXOBER.
Coa coorganización desta xornada, AXOBER reafirma o seu compromiso co tecido empresarial e coa formación de novos talentos creando así novos vínculos que contribúan ao crecemento económico da comarca de Bergantiños.


































