O “Noroeste 0 emisións” achega a transición enerxética ás novas xeracións
O “Noroeste 0 emisións” continúa hoxe a súa programación no Fórum Carballo cunha xornada centrada na sensibilización ambiental e na creatividade arredor da luz na que os protagonistas son as novas xeracións.
Dende as 10:00 horas, alumnos e alumnas de Educación Primaria do CEIP Xesús San Luís Romero de Carballo participaron nos talleres didácticos que, baixo o nome “Slowlight Kids”, combinaron divulgación científica, sustentabilidade e expresión artística.
Tras a benvida, a sesión comezou co taller “A noite”, no que se trataron co alumndo cuestións como a biodiversidade nocturna e o impacto da contaminación luminosa no medio ambiente. No segundo dos talleres, os participantes demostraron a súa creatividade a través do obradoiro “LightArt HUB”; centrado no uso da luz, a cor e as sombras como ferramentas de expresión.
A través de exemplos prácticos, explicouse como a luz artificial altera os ciclos naturais de plantas, aves e persoas, incidindo na importancia de empregar iluminación máis cálida e tenue nas últimas horas do día. A actividade completouse cunha experiencia de “light painting” con luces que simulaban vagalumes. O alumnado concluíu a sesión cunha maior conciencia sobre a necesidade da noite e o uso responsable da iluminación.
Xa pola tarde, as 16:00 horas, a programación continuou cunha proposta arredor do light painting; unha disciplina que fusiona fotografía e arte mediante o uso da luz en exposicións de longa duración. Nela participaron xogarores e xogadoras das Escolas de Balonmán Xiria.

Á noite realizouse unha andaina interactiva dende o Fórum Carballo ata a Praza do Concello na que se empregará esta mesma técnica.
Venres, 5 de xuño

A programación do “Noroeste 0 Emisións” pecha mañá venres cunha nova xornada centrada na eficiencia enerxética na que varios relatores falarán sobre a optimización da enerxía e a redución de custos e emisións.
A sesión come ás 09:30 horas coa intervención de José Ángel Abad, xefe da área de Aforro e Eficiencia Enerxética do INEGA, que abordará o papel dos CAES no aforro enerxético. A continuación, ás 10:00 horas, Iván Andrade, director técnico de Energal, analizará os contratos ESE como ferramenta clave para mellorar a eficiencia en organizacións.
O programa continúa ás 10:30 horas coa presentación de casos de éxito en servizos enerxéticos da man de Álvaro Piñeiro, xerente de Ferrovial S.A., seguida ás 11:00 horas dunha sesión sobre o funcionamento do mercado enerxético OMIE, impartida por Xosé Manuel Golpe, presidente de AGACEN.
Tras unha pausa café ás 11:30 horas, a xornada retomarase ás 12:00 horas cun relatorio sobre control e telexestión enerxética, a cargo de Alfonso Sánchez, de INELCOM. Ás 12:30 horas, Miguel Ángel Zamorano, director comercial de IMESAPI, falará sobre a rehabilitación enerxética residencial. Ao remate, pecharase esta edición do “Noroeste 0 emisións” coa intervención do Alcalde de Carballo, Daniel Pérez; e do Presidente de AXOBER, Diego Iglesias. Será arredor das 13:00 horas.