Carballo é durante estes días o epicentro do debate sobre a transición enerxética coa celebración do “Noroeste 0 emisións”
O Fórum Carballo é dende hoxe e ata o venres o epicentro do debate sobre a transición enerxética coa celebración do ‘Noroeste 0 emisións’ un encontro organizado por AXOBER que reúne a expertos, empresas e representantes de administracións.
O evento arrincou esta mañá cunha sesión inaugural que correu a cargo do Alcalde de Carballo, Daniel Pérez; e do Tesoureiro de AXOBER, Marcos Díaz. Nas súas intervencións, os dous puxeron en valor a importancia de xerar espazos de encontro como este para avanzar cara un modelo económico máis sostible e adaptado aos desafíios actuais. “O futuro depende das actuacións do sector privado, das administracións públicas e da sociedade co fin de avanzar todos e todas cara ese obxectivo común de emisións cero”, indicou o rexedor de Carballo.
O ‘Noroeste 0 emisións’, que se desenvolve ata o venres, pretende situar a comarca de Bergantiños como referente no impulso de solucións reais en materia de eficiencia enerxética e mobilidade limpa.

Baixo o título “Bergantiños, Boas Noites”, a programación da mañá centrouse no papel da noite como motor de desenvolvemento territorial, cultural e turístico. Ao longo da xornada abordáronse cuestións clave como ailuminación pública responsable, o urbanismo sostible ou o ecodeseñoaplicado aos espazos urbanos. Especialistas como Coque Alcázar, Pedro Calaza ou Iago Martínez Garrido analizaron os retos actuais na planificación da iluminación e o seu impacto no medio ambiente e na calidade de vida da cidadanía.
Tamén tiveron protagonismo novas perspectivas sobre o uso dos espazos nocturnos, o turismo astronómico e experiencial, así como a necesidade de preservar a calidade do ceo nocturno. A xornada da mañá completouse cunha mesa redonda na que participaron distintos profesionais e representantes do sector, que debateron sobre tecnoloxías e estratexias para avanzar cara a contornas máis sostibles.
Xa pola tarde, o foco trasládase á mobilidade eficiente e sostible, cun bloque específico adicado ás solucións de cero emisións. Distintos expertos analizarán os sistemas actuais de recarga para vehículos eléctricos e novas alternativas enerxéticas, ademais de celebrarse unha mesa de debate sobre a evolución do vehículo eléctrico e os retos do sector.
Ao longo dos tres días que dura o ‘Noroeste 0 emisións’ haberá unha exposición de vehículos eléctricos nos exteriores do edificio do Fórum Carballo no que participan cinco concesionarios da zona: Hypersa Carballo, Corgal Automóviles, Dimolk, Skoda Pensado Motor e Baleato.
Xoves, 4 de xuño
A programación do ‘Noroeste 0 Emisións’ continúa mañá cunha serie de talleres centrados na luz, a cor e as sombras, impartidos pola Asociación Slowlight, nos que participarán máis de xxxxxx alumnos e alumnas do CEIP Xesús San Luís Romero de Carballo. Xa pola tarde, a actividade completarase con dous novos obradoiros de light painting, abertos á mocidade.
Outra das citas destacadas do encontro será o paseo nocturno interactivo “A noite das cores”, que percorrerá algúns dos espazos máis emblemáticos de Carballo. Cada participante contará cunha lanterna para crear diferentes efectos lumínicos e achegarse, dun xeito práctico, á técnica do light painting, amplamente empregada na fotografía.
A andaina partirá ás 22:00 horas desde o Fórum Carballo, cun percorrido de baixa dificultade que rematará na Praza do Concello. Trátase dunha actividade aberta a toda a veciñanza, para a que é preciso inscrición previa a través da seguinte ligazón: https://axober.org/axenda/noroeste-cero-emisions-2026-andaina-a-noite-das-cores/









