O sector hostaleiro participa nunha xornada sobre a transformación dixital e intelixencia artificial organizada por AXOBER
O Museo do Mar de Laxe acolleu esta mañá a xornada formativa “Transformación Dixital e IA no sector hostaleiro”, un encontro centrado en achegar solucións innovadoras baseadas en intelixencia artificial aos profesionais da hostalaría.
Durante a sesión, organizada por AXOBER coa colaboración do Concello de Laxe, exploráronse diversas ferramentas de IA que xa están a transformar o día a día dos negocios hostaleiros, entre elas ChatGPT, Claude, Gemini ou NotebookLM. Tal e como se explicou no encontro no que participaron hostaleiros de toda a comarca, estas tecnoloxías permiten optimizar procesos como a atención ao cliente, a xestión de reservas, a análise de datos ou a creación de contidos, contribuíndo a mellorar o rendemento e a competitividade dos establecementos.
A xornada tamén puxo o foco na creación de axentes de intelixencia artificial personalizados, capaces de automatizar tarefas repetitivas e axilizar o funcionamento interno dos negocios. As persoas asistentes tiveron a oportunidade de coñecer casos prácticos e aplicacións reais que demostran o potencial destas solucións no contexto hostaleiro.
Diego Iglesias, Presidente de AXOBER, destacou que a “intelixencia artifical deixou de ser unha tecnoloxía do futuro para converterse nunha ferramenta accesible e útil no presente que permite aforrar tempo, mellorar a comunicación cos clientes, realizar análises máis precisas e tomar decisións estratéxicas para cada negocio”.
Con esta iniciativa, AXOBER reafirma o seu compromiso co conxunto do tecido empresarial da comarca, facilitando o acceso a novas ferramentas de traballo como a intelixencia artificial, co obxectivo de impulsar a innovación, mellorar a competitividade e contribuír ao crecemento económico comarcal.