AXOBER e a Deputación da Coruña estudan crear bolsas de formación en empresas co fin de reter talento nas comarcas rurais
A Asociación de Empresarios de Bergantiños (AXOBER) e a Deputación da Coruña estudan poñer en marcha un programa de bolsas de formación práctica en empresas co obxectivo de facilitar a incorporación da mocidade ao mercado laboral e contribuír á retención de talento nas comarcas rurais.
A proposta abordouse nunha reunión celebrada este xoves, día 15, nova sede de AXOBER, en Carballo, na que participaron o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; a deputada de Emprego, Industria e Medio Ambiente, Rosa Ana García; e representantes da directiva da asociación, encabezada polo seu presidente, Diego Iglesias.
O encontro permitiu analizar a situación económica, empresarial e laboral de Bergantiños, así como algunhas das principais dificultades ás que se enfrontan as empresas da comarca, entre elas a falta de profesionais cualificados para cubrir determinados postos de traballo. Tamén se puxo o foco na saída da mocidade cara ás cidades e na necesidade de impulsar oportunidades laborais que lle permitan desenvolver o seu proxecto profesional e persoal no territorio.
Formación adaptada
O programa proposto pretende complementar a formación dos futuros profesionais mediante experiencias prácticas en empresas, favorecendo o contacto directo co mundo laboral e unha maior adecuación entre as competencias das persoas participantes e as necesidades do tecido empresarial.
A iniciativa podería estenderse a outras zonas rurais da provincia da Coruña, en colaboración con entidades empresariais do territorio, co propósito de xerar novas oportunidades de emprego e contribuír ao desenvolvemento económico local.
Apoio ao comercio local
Durante a reunión tamén se abordou a situación do comercio de proximidade en municipios de máis de 20.000 habitantes, como Carballo, que quedan fóra do ámbito de actuación do programa MercaNaVila. Neste sentido, a Deputación está a explorar posibles fórmulas de colaboración coas entidades empresariais para ampliar o apoio a este sector.
O encontro enmárcase na vontade de reforzar a colaboración entre a Administración provincial e o tecido empresarial, promovendo iniciativas que respondan ás necesidades reais das empresas e contribúan á competitividade e ao desenvolvemento económico de Bergantiños e doutras comarcas rurais.
AXOBER continúa así traballando para representar e apoiar as empresas asociadas, fomentar a cooperación institucional e impulsar medidas que favorezan o emprego, a formación e o crecemento empresarial no territorio.