ALLKNOW Education organiza a European Robotics Week 2026, unha cita europea coa robótica e a innovación

A empresa ALLKNOW Education, con sede en Carballo e socia de AXOBER, é a encargada de organizar a edición española da European Robotics Week 2026 (ERW2026), baixo o lema “Robota: Cultura robótica”. Este é un evento que reunirá empresas, centros educativos, universidades e profesionais arredor da robótica, a tecnoloxía e a innovación.

A cita celebrarase os días 26 e 27 de novembro no CIFP Politécnico de Santiago de Compostela e forma parte dunha iniciativa de ámbito europeo impulsada por euRobotics e coordinada en España por HispaRob, que busca achegar a robótica á sociedade e favorecer o intercambio de coñecementos e experiencias neste campo.

Dúas xornadas para conectar educación, empresa e tecnoloxía

O programa da European Robotics Week 2026 estrutúrase en dúas xornadas diferenciadas, destinadas a públicos con intereses complementarios.

O 26 de novembro terá lugar a xornada educativa, dirixida principalmente a centros de ensino, docentes e alumnado, co obxectivo de achegar a robótica e as novas tecnoloxías ao ámbito formativo.

Pola súa banda, o 27 de novembro celebrarase a xornada profesional, especialmente orientada a empresas e profesionais interesados na robótica, a innovación e as oportunidades que están a xurdir arredor destas áreas. Será un espazo de interese para coñecer novas tendencias, explorar posibles vías de colaboración e achegarse ás aplicacións destas tecnoloxías no ámbito empresarial.

Unha oportunidade para visibilizar o talento empresarial de Bergantiños

Desde AXOBER consideramos que a organización deste evento por parte dunha empresa asociada contribúe a poñer en valor o talento, a capacidade de iniciativa e o potencial innovador do tecido empresarial de Bergantiños.

Por iso dende AXOBER animamos á participación de empresas da comarca neste tipo de encontros co fin de ampliar o coñecemento de novas solucións tecnolóxicas, crear novos contactos profesionais e identicar novas oportunidades de colaboración nun contexto no que a innovación ten un papel cada vez máis importante na competitividade empresarial.

As empresas interesadas en participar na xornada profesional ou en coñecer as posibilidades de colaboración dispoñibles poden consultar a documentación publicada por HispaRob: